domingo, 4 de marzo de 2018

Arkansas Gypsy Caravan

No desafío de ir rematando UFOs (UnFinished Objects) de 2018, este mes determinei traballar neste proxecto que comezara hai anos. O rolo de teas que tiña da colección Gypsy Caravan de Rowan Fabrics só traía 30 tiras de 2,5", así que encarguei un par de pezas de tea a maiores, para ter máis marxe e mesmo opcións dun borde estampado a xogo. Tamén escollín dúas cores sólidas: verde pistacho para o fondo e morado cereixa para un toque de contraste.
Está facendo un horroroso dí de invernía e as cores son malísimas. Terei que sacar outra foto con máis luz cando a haxa.
O tutorial no que me baseei é o que en Missouri Star Quilt chaman Good Night Irene, pero tradicionalmente creo que lle dín Arkansas Crossroads:

Isto de volver a traballos que quedaron a medias permíteme observar o moito que mellorei na miña técnica. Malia que me dixeran que este deseño era axeitado para "confident beginners", na práctica hai que ter moita precisión nas marxes de costura para que quede ben. Teoricamente fixera un feixe de bloques de 8,5". Cando os cosín hai anos nin cadrados saíron, así que resolvín recurtalos todos para que medisen 8,25. É a miña experiencia que, para un bon acolchoado, hai que partir dun top totalmente plano, o que só se consegue cando todos os bloques son cadrados e do mesmo tamaño.

mércores, 28 de febreiro de 2018

Máquina de coser Lervia KH 4000

Esta foi a primeira máquina de coser que merquei, vai case para 10 anos. Custárame algo así como 70€ no Lidl, e resultou moi práctica para iniciarme na costura e o patchwork.



1.- Toma de corrente
2.- Interruptor
3.- Axuste lonxitude de puntada
4.- Manilla  de movemento da agulla
5.- Porta novelos de fío
6.- Camiño do fío
7.- Axuste da tensión do fío superior
8.- Axuste do ancho de puntada ou agulla dobre
9.- Enrolado da bobina
10.- Axuste da presión da barra do prensateas (segundo as teas sean finas ou gordas)
11.- Selección do tipo de puntada
12.- Marcha atrás
13.- Camiño do fío
14.- Barra do prensateas e parafuso para axustalo
15.- Barra da agulla e parafuso para fixala
16.- Prensateas (hai quen lle chama "pata")
17.- Praca da agulla
18.- Brazo libre extraible con espazo para gardar accesorios
19.- Panca para levantar e baixar o prensateas
20.- Furado para fixar a guía (accesorio c)
21.- Portabobinas para o fío inferior
22.- Lámpada

Detalles:




Accesorios:

a.- Referencia e número de serie da máquina
b.- Desparafusador
c.- Guía para marxe de costura
d.- Praca de zurcido
e.- Prensateas para ollais
f.- Prensateas para botóns
g.- Prensateas para dobradillo invisible
h.- Prensateas para cremalleiras
i.- Aceite de limpeza e mantemento

Enfiado da máquina:
No frente da máquina ven un gráfico:

 No paso 1 o fío ven desde o novelo cara o gancho da parte superior, e xira cara adiante para baixar por entre os discos da tensión 2. Métese por debaixo da panca negra 3 e volve subir ata o ganchiño de ferro 4 que só é visible se a barra da agulla está na posición máis alta. Logo volve baixar, métese por detrás dun ferro horizontal que hai baixo o parafuso que terma da agulla 5 e finalmente enfíase na agulla 6.


Vídeo tutoriais para enfiar a máquina:





Facer bobina: 
Como se ve na entrada anterior, a costura a máquina implica dous fíos que se entrelazan. Un ven do novelo colocado na parte superior, a través da agulla. O outro procede dunha bobina por debaixo da praca da agulla, que engancha cada vez que a agulla penetra nela. Esa bobina hai que enchela de fío.
Desde o novelo, o camiño do fío vai cara unha peza redonda xiratoria 1, e volve en paralelo 2 cara un eixo chantado na parte superior dereita da máquina. Introducimos a puntiña do fío polo furado da bobina, de dentro cara afora, damos unhas voltas e ensartamos a bobina no eixo 3 de xeito que, ao xirar en sentido horario se encha a bobina. É importante lembrar desprazar o eixo cara o tope de plástico na dereita 4 e desactivar o movemento da agulla tirando cara afóra a manilla de accionamento da barra da agulla 5.




luns, 12 de febreiro de 2018

Os meus hexágonos: English Paper Piecing (EPP)

É coñecida como técnica English Paper Piecing (EPP) a forma tradicional de coser a man pezas previamente fixadas a unha forma en papel. O deseño máis clásico é o dos hexágonos, frecuentemente agrupados en rosetas ou flores coma o xardín da avoa (Grandmother's Flower Garden ou GFG).
Apetecíame unha distribución máis moderna con cores máis vivas, e estou a rematar o meu top. Despois ainda quedará a faena de retirar os papeliños do reverso, facer o sandwich con boata e traseira, e acolchoar. Xa que o anverso está cosido á man, plantéxome acolchoar tamén a man, pero ainda estou na procura do dedal axeitado.



O que significa que nun futuro próximo terei que escoller un novo proxecto de costura a man, se cadra máis ambicioso, como o Passacaglia de Millefiori ou algo máis matemático como Pythagoras Lute. Sempre podo quedar nalgo máis sinxelo como os Liberty Stars.

mércores, 31 de xaneiro de 2018

Principios básicos de costura para sobriñas espelidas

A principal diferencia entre a costura manual e a máquina é, que no primeiro caso temos unha agulla e un só fío que pasamos por riba e por baixo da tea:

e pola contra na máquina de coser precisamos de dous fíos: un ven da agulla dende arriba, e o outro sae da bobina por debaixo. Un dos problemas máis frecuentes na costura a máquina débese a que a tensión destes dous fíos pode estar mal compensada, e o punto non queda amarrado correctamente.
Tamén entre os téxtiles podemos facer dous grandes grupos: os que son tecidos con fíos en dúas direccións (como unha rede moi mesta):

E hai outro tipo que chamamos "de punto" moito máis elásticos, no que un só fío é tricotado de xeito que cada fila de puntadas engancha na anterior. O exemplo máis clásico é o xersei.
Para coser pezas deste material temos que usar puntadas de costura que sexan tan elásticas como as teas que estamos a xuntar, como por exemplo o zig-zag.

domingo, 21 de xaneiro de 2018

Progreso na ensamblaxe

Finalmente pendurei unha design wall na parede do cuarto de costura: grampei unha peza de 2,50 x 1,5 m de polar branco nun rastrel, e fixei este na parede con tres parafusos. Hai unhas fitas para poder recoller (enrolar) o polar en caso necesario.
Foi toda unha mellora para non estar á mercede das sabotaxes da gata.

Así que puiden traballar tranquilamente nun improv para o challenge da asociación española do quilt moderno. Tamén fun quen de ensamblar Jamestown Landing, outro proxecto de string piecing con deseño de Bonnie Hunter no que levaba anos traballando.

Facendo limpeza andiven escolmando nos bloques que tiña por aí e xuntei varios tops máis, de pequenos proxectos que me van vir de fábula para practicar acolchoado libre: chameinos o Mishap e  Venting quilt.

E como estou determinada a rematar este ano a colcha de hexágonos cosida a man (técnica English Paper Piecing, EPP), téñoa agora como o meu principal work in progress (WIP). Vaime levar bastante tempo, xa que tamén a quero acolchoar á man.


sábado, 13 de xaneiro de 2018

Adeus, Nadal!

Levoume uns segundos recoller a árbore: tíñaa simplemente pendurada diante da tele (total, para o que a vemos!). Fixen este proxecto hai un par de anos. Hoxe tería acolchoado máis densamente o fondo, con liñas onduladas e estrelas en fío dourado.


xoves, 11 de xaneiro de 2018

Ringo Lake: remate

O ano 2017 rematou cunha maratón de pistas do mystery On Ringo Lake, de Bonnie Hunter. As instruccións para a parte 6, parte 7parte 8 e parte 9 foron publicadas en días consecutivos para coñecer a revelación final o día de Aninovo.

Vou progresando moi amodo na ensamblaxe, por falta de tempo, espazo e intervencións felinas.



Porén hai xente que xa posteou as fotos das súas versións acolchoadas e rematadas.