Amosando publicacións coa etiqueta conceptos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conceptos. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de febreiro de 2018

Máquina de coser Lervia KH 4000

Esta foi a primeira máquina de coser que merquei, vai case para 10 anos. Custárame algo así como 70€ no Lidl, e resultou moi práctica para iniciarme na costura e o patchwork.



1.- Toma de corrente
2.- Interruptor
3.- Axuste lonxitude de puntada
4.- Manilla  de movemento da agulla
5.- Porta novelos de fío
6.- Camiño do fío
7.- Axuste da tensión do fío superior
8.- Axuste do ancho de puntada ou agulla dobre
9.- Enrolado da bobina
10.- Axuste da presión da barra do prensateas (segundo as teas sean finas ou gordas)
11.- Selección do tipo de puntada
12.- Marcha atrás
13.- Camiño do fío
14.- Barra do prensateas e parafuso para axustalo
15.- Barra da agulla e parafuso para fixala
16.- Prensateas (hai quen lle chama "pata")
17.- Praca da agulla
18.- Brazo libre extraible con espazo para gardar accesorios
19.- Panca para levantar e baixar o prensateas
20.- Furado para fixar a guía (accesorio c)
21.- Portabobinas para o fío inferior
22.- Lámpada

Detalles:




Accesorios:

a.- Referencia e número de serie da máquina
b.- Desparafusador
c.- Guía para marxe de costura
d.- Praca de zurcido
e.- Prensateas para ollais
f.- Prensateas para botóns
g.- Prensateas para dobradillo invisible
h.- Prensateas para cremalleiras
i.- Aceite de limpeza e mantemento

Enfiado da máquina:
No frente da máquina ven un gráfico:

 No paso 1 o fío ven desde o novelo cara o gancho da parte superior, e xira cara adiante para baixar por entre os discos da tensión 2. Métese por debaixo da panca negra 3 e volve subir ata o ganchiño de ferro 4 que só é visible se a barra da agulla está na posición máis alta. Logo volve baixar, métese por detrás dun ferro horizontal que hai baixo o parafuso que terma da agulla 5 e finalmente enfíase na agulla 6.


Vídeo tutoriais para enfiar a máquina:





Facer bobina: 
Como se ve na entrada anterior, a costura a máquina implica dous fíos que se entrelazan. Un ven do novelo colocado na parte superior, a través da agulla. O outro procede dunha bobina por debaixo da praca da agulla, que engancha cada vez que a agulla penetra nela. Esa bobina hai que enchela de fío.
Desde o novelo, o camiño do fío vai cara unha peza redonda xiratoria 1, e volve en paralelo 2 cara un eixo chantado na parte superior dereita da máquina. Introducimos a puntiña do fío polo furado da bobina, de dentro cara afora, damos unhas voltas e ensartamos a bobina no eixo 3 de xeito que, ao xirar en sentido horario se encha a bobina. É importante lembrar desprazar o eixo cara o tope de plástico na dereita 4 e desactivar o movemento da agulla tirando cara afóra a manilla de accionamento da barra da agulla 5.




luns, 12 de febreiro de 2018

Os meus hexágonos: English Paper Piecing (EPP)

É coñecida como técnica English Paper Piecing (EPP) a forma tradicional de coser a man pezas previamente fixadas a unha forma en papel. O deseño máis clásico é o dos hexágonos, frecuentemente agrupados en rosetas ou flores coma o xardín da avoa (Grandmother's Flower Garden ou GFG).
Apetecíame unha distribución máis moderna con cores máis vivas, e estou a rematar o meu top. Despois ainda quedará a faena de retirar os papeliños do reverso, facer o sandwich con boata e traseira, e acolchoar. Xa que o anverso está cosido á man, plantéxome acolchoar tamén a man, pero ainda estou na procura do dedal axeitado.



O que significa que nun futuro próximo terei que escoller un novo proxecto de costura a man, se cadra máis ambicioso, como o Passacaglia de Millefiori ou algo máis matemático como Pythagoras Lute. Sempre podo quedar nalgo máis sinxelo como os Liberty Stars.

mércores, 31 de xaneiro de 2018

Principios básicos de costura para sobriñas espelidas

A principal diferencia entre a costura manual e a máquina é, que no primeiro caso temos unha agulla e un só fío que pasamos por riba e por baixo da tea:

e pola contra na máquina de coser precisamos de dous fíos: un ven da agulla dende arriba, e o outro sae da bobina por debaixo. Un dos problemas máis frecuentes na costura a máquina débese a que a tensión destes dous fíos pode estar mal compensada, e o punto non queda amarrado correctamente.
Tamén entre os téxtiles podemos facer dous grandes grupos: os que son tecidos con fíos en dúas direccións (como unha rede moi mesta):

E hai outro tipo que chamamos "de punto" moito máis elásticos, no que un só fío é tricotado de xeito que cada fila de puntadas engancha na anterior. O exemplo máis clásico é o xersei.
Para coser pezas deste material temos que usar puntadas de costura que sexan tan elásticas como as teas que estamos a xuntar, como por exemplo o zig-zag.

sábado, 5 de agosto de 2017

9 patches (9P)

Estou axudando a unha amiga a enviciarse co patchwork :)
Dun número antigo de Labores del Hogar inspirámonos para un proxecto que combina 9 patches con snowballs.

Gústanme moito os 9 patches para iniciar a principiantes. Partimos de costuras rectas, polo recto da tea, sen bieses. Mesmo cun número limitado de teas pódense crear combinacións espectaculares. E non é un deseño esixente canto ao tamaño da marxe de costura: vale calquera, sempre que seña o mesmo para todas as pezas.

Unha combinación clásica é a de 9 Patches con cadrados de tea uniforme para o fondo, un deseño que se chama tradicionalmente Irish Chain, tanto en deseño monocolor como en scrappy, con cores surtidas.

Os propios bloques 9P pódense combinar en forma de 9P (o deseño chámase Double 9 patch) con bloques lisos, e se enriba os unimos en diagonal (on point) o resultado pode ser espectacular:

Tamén se pode optar polo método clásico de separar os bloques con simples tiras de cor neutra e cadriños nas esquinas (cornerstones): créase un debuxo secundario en forma de cruces.

Este é un coxín que fixen para a miña irmá:

Cunha técnica similar, pero empregando bloques de 5x5 cadriños (o deseño chámase neste caso Double Irish chain), fixen esta colcha con tea dunhas sabas que me roeran os ratos na casa da aldea:

Pero, como dixen ao principio, nós decantámonos polo deseño que combina 9P con snowballs: bloques cadrados coas esquinas achaflanadas. Tamén neste caso hai múltiples variantes segundo se empregue a tea de fondo nos 9P ou non:
Parece difícil de crer que todos estes proxectos están feitos exactamente coa mesma combinación de bloques, o único que varía é o posicionamento das córes.

domingo, 16 de xullo de 2017

Seminario What to quilt on your quilt

Un domingo moi tranquilo. Atopei de novo este vídeo que tanto me gustara sobre que decisións tomar á hora de acolchoar.

En realidade estaba buscado tutoriales sobre mactavishing.



xoves, 22 de xuño de 2017

Accesorios: pés de máquina


Pódese acolchoar con calquera máquina doméstica, a condición de dispor dun pé axeitado como os que se ven na foto. Os de dobre arrastre (1 e 2) están deseñados para o acolchoado en liñas rectas, pero tamén permiten a execución de curvas suaves. O modelo (2) permite a inserción dunha barra para facilitar o aliñamento equidistante de liñas paralelas de costura. Un exemplo clásico de deseño por este método é o acolchoado en espiral:

A miña máquina traía de serie un pé para acolchoado libre como o modelo (3), que cheguei a romper por uso excesivo. Veño de comprar por internet os modelos (4), con pé aberto de plástico transparente, e (5) con pé metálico pechado. Estes levan unha panca para se desprazaren arriba e abaixo coa barra da agulla en cada puntada, e un resorte para se adaptaren a calquera grosor de acolchoado.

O feito de que o pé salte con cada puntada amola a moitas quilters, o que as levou a tentar modificacións caseiras (como esta de Leah Day cun elástico, ou estoutra máis técnica cun parafuso). A casa Janome ten un pé específico que se regula cun parafuso e non precisa modificación:

Mesmo existe un pé cuxo eixo está desprazado respecto da barra da agulla, permitindo ver a labor por detrás da agulla:

mércores, 14 de xuño de 2017

Quilting Moderno: conceptos

Seica se fundou hai uns meses a Asociación Española de Quilt Moderno. É membro da MQG internacional pero non expón no blog as bases da súa actividade.
No seguinte video Heather Grant expón (en inglés) os principios polos que se entende que un proxecto de acolchoado é moderno. A inspiración dos novos creadores procede de diversas fontes, algunhas delas tradicionais (como os Amish ou Gee's Bend), o deseño gráfico e artistas modernos e posmodernos doutras disciplinas. Internet e os novos medios sociais permitiron a interconexión a escala mundial destas ideas. Na meirande parte dos casos, seguen sendo colchas para uso cotiá nas que a forma está vencellada á función, empregando técnicas tradicionais cun novo enfoque.
Algúns dos elementos que permiten identificar un quilt como moderno son:

  • fragmentación alternativa á clásica construción de reas e columnas de bloques regulares
  • uso de abundante espazo negativo
  • asimetría: o foco ou centro de atención está desprazado xeometricamente
  • escala esaxerada ou variación de dimensións dun mesmo deseño no mesmo proxecto
  • quilts sen bordes
  • minimalismo
  • paleta de cores brillante e gráfica
  • piecing improvisado, rompendo as regras de construción ao uso: cortando e recombinando as pezas sobre a marcha (unha das mellores técnicas para iniciarse)
  • tradicionalismo moderno: reinterpretación de deseños clásicos


Artículo sobre QuiltCon 2015.