mércores, 28 de febreiro de 2018

Máquina de coser Lervia KH 4000

Esta foi a primeira máquina de coser que merquei, vai case para 10 anos. Custárame algo así como 70€ no Lidl, e resultou moi práctica para iniciarme na costura e o patchwork.



1.- Toma de corrente
2.- Interruptor
3.- Axuste lonxitude de puntada
4.- Manilla  de movemento da agulla
5.- Porta novelos de fío
6.- Camiño do fío
7.- Axuste da tensión do fío superior
8.- Axuste do ancho de puntada ou agulla dobre
9.- Enrolado da bobina
10.- Axuste da presión da barra do prensateas (segundo as teas sean finas ou gordas)
11.- Selección do tipo de puntada
12.- Marcha atrás
13.- Camiño do fío
14.- Barra do prensateas e parafuso para axustalo
15.- Barra da agulla e parafuso para fixala
16.- Prensateas (hai quen lle chama "pata")
17.- Praca da agulla
18.- Brazo libre extraible con espazo para gardar accesorios
19.- Panca para levantar e baixar o prensateas
20.- Furado para fixar a guía (accesorio c)
21.- Portabobinas para o fío inferior
22.- Lámpada

Detalles:




Accesorios:

a.- Referencia e número de serie da máquina
b.- Desparafusador
c.- Guía para marxe de costura
d.- Praca de zurcido
e.- Prensateas para ollais
f.- Prensateas para botóns
g.- Prensateas para dobradillo invisible
h.- Prensateas para cremalleiras
i.- Aceite de limpeza e mantemento

Enfiado da máquina:
No frente da máquina ven un gráfico:

 No paso 1 o fío ven desde o novelo cara o gancho da parte superior, e xira cara adiante para baixar por entre os discos da tensión 2. Métese por debaixo da panca negra 3 e volve subir ata o ganchiño de ferro 4 que só é visible se a barra da agulla está na posición máis alta. Logo volve baixar, métese por detrás dun ferro horizontal que hai baixo o parafuso que terma da agulla 5 e finalmente enfíase na agulla 6.


Vídeo tutoriais para enfiar a máquina:





Facer bobina: 
Como se ve na entrada anterior, a costura a máquina implica dous fíos que se entrelazan. Un ven do novelo colocado na parte superior, a través da agulla. O outro procede dunha bobina por debaixo da praca da agulla, que engancha cada vez que a agulla penetra nela. Esa bobina hai que enchela de fío.
Desde o novelo, o camiño do fío vai cara unha peza redonda xiratoria 1, e volve en paralelo 2 cara un eixo chantado na parte superior dereita da máquina. Introducimos a puntiña do fío polo furado da bobina, de dentro cara afora, damos unhas voltas e ensartamos a bobina no eixo 3 de xeito que, ao xirar en sentido horario se encha a bobina. É importante lembrar desprazar o eixo cara o tope de plástico na dereita 4 e desactivar o movemento da agulla tirando cara afóra a manilla de accionamento da barra da agulla 5.




luns, 12 de febreiro de 2018

Os meus hexágonos: English Paper Piecing (EPP)

É coñecida como técnica English Paper Piecing (EPP) a forma tradicional de coser a man pezas previamente fixadas a unha forma en papel. O deseño máis clásico é o dos hexágonos, frecuentemente agrupados en rosetas ou flores coma o xardín da avoa (Grandmother's Flower Garden ou GFG).
Apetecíame unha distribución máis moderna con cores máis vivas, e estou a rematar o meu top. Despois ainda quedará a faena de retirar os papeliños do reverso, facer o sandwich con boata e traseira, e acolchoar. Xa que o anverso está cosido á man, plantéxome acolchoar tamén a man, pero ainda estou na procura do dedal axeitado.



O que significa que nun futuro próximo terei que escoller un novo proxecto de costura a man, se cadra máis ambicioso, como o Passacaglia de Millefiori ou algo máis matemático como Pythagoras Lute. Sempre podo quedar nalgo máis sinxelo como os Liberty Stars.