mércores, 31 de xaneiro de 2018

Principios básicos de costura para sobriñas espelidas

A principal diferencia entre a costura manual e a máquina é, que no primeiro caso temos unha agulla e un só fío que pasamos por riba e por baixo da tea:

e pola contra na máquina de coser precisamos de dous fíos: un ven da agulla dende arriba, e o outro sae da bobina por debaixo. Un dos problemas máis frecuentes na costura a máquina débese a que a tensión destes dous fíos pode estar mal compensada, e o punto non queda amarrado correctamente.
Tamén entre os téxtiles podemos facer dous grandes grupos: os que son tecidos con fíos en dúas direccións (como unha rede moi mesta):

E hai outro tipo que chamamos "de punto" moito máis elásticos, no que un só fío é tricotado de xeito que cada fila de puntadas engancha na anterior. O exemplo máis clásico é o xersei.
Para coser pezas deste material temos que usar puntadas de costura que sexan tan elásticas como as teas que estamos a xuntar, como por exemplo o zig-zag.

domingo, 21 de xaneiro de 2018

Progreso na ensamblaxe

Finalmente pendurei unha design wall na parede do cuarto de costura: grampei unha peza de 2,50 x 1,5 m de polar branco nun rastrel, e fixei este na parede con tres parafusos. Hai unhas fitas para poder recoller (enrolar) o polar en caso necesario.
Foi toda unha mellora para non estar á mercede das sabotaxes da gata.

Así que puiden traballar tranquilamente nun improv para o challenge da asociación española do quilt moderno. Tamén fun quen de ensamblar Jamestown Landing, outro proxecto de string piecing con deseño de Bonnie Hunter no que levaba anos traballando.

Facendo limpeza andiven escolmando nos bloques que tiña por aí e xuntei varios tops máis, de pequenos proxectos que me van vir de fábula para practicar acolchoado libre: chameinos o Mishap e  Venting quilt.

E como estou determinada a rematar este ano a colcha de hexágonos cosida a man (técnica English Paper Piecing, EPP), téñoa agora como o meu principal work in progress (WIP). Vaime levar bastante tempo, xa que tamén a quero acolchoar á man.


sábado, 13 de xaneiro de 2018

Adeus, Nadal!

Levoume uns segundos recoller a árbore: tíñaa simplemente pendurada diante da tele (total, para o que a vemos!). Fixen este proxecto hai un par de anos. Hoxe tería acolchoado máis densamente o fondo, con liñas onduladas e estrelas en fío dourado.


xoves, 11 de xaneiro de 2018

Ringo Lake: remate

O ano 2017 rematou cunha maratón de pistas do mystery On Ringo Lake, de Bonnie Hunter. As instruccións para a parte 6, parte 7parte 8 e parte 9 foron publicadas en días consecutivos para coñecer a revelación final o día de Aninovo.

Vou progresando moi amodo na ensamblaxe, por falta de tempo, espazo e intervencións felinas.



Porén hai xente que xa posteou as fotos das súas versións acolchoadas e rematadas.